¿Poden os cans entender as nosas emocións?

A comunicación é fundamental en todas as especies para poder convivir, transmitir información e poder relacionarse. As diferentes especies desenvolveron formas de comunicación intraespecíficas mais ou menos complexas. 

O ser humano, coa linguaxe verbal, é a especie animal que máis desenvolveu estas capacidades. Para nos, saber interpretar as expresións faciais dos nosos conxéneres resulta vital; tan importante como comunicarse con individuos da mesma especie o é poder comunicarse, ou polo menos poder interpretar, os sinais de especies distintas coas que se convive.

imagesO can é a especie animal por excelencia que acompañou ao home ao longo da súa historia. É sabido que os cans contan cunha capacidade de comunicación baseada en diferentes formas (visual, auditiva e olfactiva), moi parecida á do lobo, que lles permite comunicarse con outros individuos da súa mesma especie. Pero, ¿poden os cans interpretar e entender as expresións faciais do ser humano? Se é así, ¿que vantaxes evolutivas pode ter isto?

En efecto, a ciencia leva tempo investigando esta cuestión. Numerosos estudios poñen de manifesto que o can é a única especie cunha capacidade innata para responder a sinais humanos de forma espontánea. Así, cans que non tiveron contacto con humanos cando eran cachorros, son capaces de responder a sinais visuais realizadas por estes. Nin sequera lobos socializados con persoas responden coa espontaneidade co que o fan os cans.

Un estudo recente volveu poñer de manifesto que os cans son capaces de entender as expresións faciais humanas. No estudo, presentáronse varias fotografías a 4 labradores e 5 poodles, tanto dos seus donos como de persoas descoñecidas. Nas fotos, as persoas aparecían sorrindo, con cara de enfado ou ben con expresión neutra. Tívose en conta o xénero tanto dos propietarios como das persoas descoñecidas. Así, fixéronse varias fases para avaliar a capacidade de discriminación dos cans: a) fotografías do dono con roupa e complementos distintos; b) fotografías de descoñecidos do mesmo sexo que os donos; e c) fotografías de descoñecidos de distinto xénero que os propietarios.

Antes de realizar o test, fixéronse 2 fases de adestramento, na que se premiaba inmediatamente aos cans se elixían a fotografía correcta de maneira directa; se non o facían, a recompensa dábase transcorridos 20 segundos. O experimentador colocábase tras dos cans para non interferir dando ningún tipo de sinal aos animais. Colocáronse 2 fotografías, unha ao lado da outra, con diferentes expresións (sorriso, neutra, enfado).

A proba final consistiu en 3 tipos de sesión: 1) con fotografías do propietario; 2) fotografías do descoñecido do mesmo sexo que o propietario; e 3) fotografías dun descoñecido de sexo distinto ao dono do can.  Desta maneira, estudouse se os cans son capaces de diferenciar dúas expresións faciais humanas diferentes, e posteriormente xeneralizar esta aprendizaxe.

Os resultados obtidos foron:

  • Os cans eran capaces de distinguir entre a expresión alegre e a neutra dos seus propietarios.
  • Podían diferenciar a expresión alegre en persoas descoñecidas do mesmo sexo que os seus propietarios nunha alta porcentaxe.
  • A porcentaxe de acertos era menor no caso dos descoñecidos de sexo oposto aos seus donos.

 En definitiva, os cans son capaces de discriminar as diferentes expresións dos seres humanos, especialmente dos seus donos, persoas coñecidas ou ben con certas similitudes cos seus propietarios. Temos que pensar que o can e o home conviviron durante séculos, e que parte desta convivencia se debe, e á vez require, dun entendemento mutuo entre ambas especies. Para o can, poder interpretar e recoñecer os sinais humanos é necesario para a súa supervivencia. Esta capacidade innata e espontánea pode ser debida ao proceso de domesticación.

Deixámosvos tamén un interesante documental acerca da intelixencia dos cans, para que o gocedes. Esperamos que vos guste.

Artigo: Dogs can discriminate human smiling faces from blank expressions. 

Fonte do artigo: http://link.springer.com/article/10.1007/s10071-011-0386-5

 

 

Visitas:
  • 2484Total de lecturas:
  • 0Hoxe:
  • 22Visitantes por mes: