As necesidades etolóxicas do gato

perro-y-gato O gato doméstico (Felis silvestris catus) é un animal especialmente sensible ao estres. Tanto o estres agudo como o mantido no tempo, poden provocar alteracións da conduta e problemas de saúde. É importante coñecer o comportamento normal do gato e as súas necesidades máis básicas (alimentación, sociais, comunicación) cando decidimos compartir as nosas vidas con eles.

 A International Society of Feline Medicine (ISFM) e a American Association of Feline Practicioners (AAFP) elaboraron unha guía coas necesidades ambientais do gato, dividíndoa no que chaman os 5 piares da saúde ambiental en gatos. Estas necesidades deben terse en conta para previr posibles alteracións do comportamento no gato así como posibles problemas médicos asociados a unha situación de estres; pero tamén poden empregarse dentro dun plan de tratamento co obxectivo de eliminar ou reducir os factores estresantes. En ambos casos, estas necesidades que deben ser cubertas forman parte do enriquecemento ambiental que tantas veces recomendamos os etólogos para evitar ou ben para tratar alteracións da conduta felina.

Veremos a continuación cada un destes piares, de forma máis detallada:

1.- Proporcionar un lugar seguro:

Os gatos, na natureza, son tanto depredadores como presas. Isto último fai que sexan animais especialmente desconfiados e temerosos ou, mellor dito, precavidos. Por esta razón, deben posuír un ou varios lugares onde poder refuxiarse. A miúdo, é o gato quen busca e escolle as súas zonas seguras no domicilio. Os propietarios de gatos poden ver como moitas veces a súa mascota se sitúa en lugares elevados, onde non só poden “illarse”, senón tamén controlar o seu contorno sen ser molestados.

Os lugares que poden ser escollidos como zona segura para o gato son moi variados: desde zonas elevadas (como estantes, armarios, mobles) ata zonas escuras ou de difícil acceso (ocos, caixoneiras…). É importante que estes lugares teñan un ou varios puntos de saída, para permitir ao gato escapar se fose necesario.

Clínica-Veterinaria-Alguer-Ambiente-Gato-01-300x217

Os gatos aproveitan todo o espazo dispoñible no seu contorno. Os lugares altos, como baldas e estantes, son usados por estes animais como lugares de descanso e zonas seguras.

 

En fogares onde viven varios gatos, ou onde o gato ten que convivir con algún can, é particularmente importante proporcionar zonas seguras onde o animal poida permanecer tranquilo e sen ser molestado polo resto de mascotas.

Ademais destes lugares, podemos “crear” nos mesmos zonas seguras para o felino en casa. Unha simple caixa de cartón, ou ben un transportín, poden servir como escondedoiro. Ademais, no mercado encontramos distintos accesorios para que os gatos poidan esconderse e pasar desapercibidos.

dsc_0025-chica

Unha caixa de cartón é un elemento sinxelo e económico co que podemos mellorar o enriquecemento ambiental. En canto á cantidade de zonas seguras, como mínimo debería ter o mesmo número que gatos hai na casa. En calquera caso, os gatos tenden a elixir os seus propios lugares onde refuxiarse.

En casas onde conviven varios, as zonas seguras deben estar lonxe unhas doutras na medida do posible.

A necesidade de esconderse tamén debe ser tida en conta nas salas de hospitalización de clínicas e hospitais veterinarios. Engadindo un pequeno accesorio na gaiola, onde o gato poida refuxiarse, podemos reducir o seu estres e mellorar a súa estadía o tempo que debe permanecer alí. Basta con colocar unha toalla no frontal da gaiola, de forma que o gato non vexa outros animais que poden estar hospitalizados no mesmo lugar, nin se sinta observado por eles.

0015

No mercado existen diversos accesorios que poden ser utilizados como zona segura polos gatos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 2.- Proporcionar suficientes recursos: 

Cando falamos de recursos nos referimos aos comedeiros, bebedoiros, bandexas, rabuñadores e zonas de descanso. Cada un deles deberá estar separado do resto, sobre todo o comedeiro e bebedoiro respecto ás bandexas de eliminación.

O gato herdou a conduta de alimentación do seu devanceiro, o gato salvaxe africano (Felis silvestris lybica). Este inxire  entre 10 e 20 pequenas presas ao día; o gato doméstico caracterízase por comer pequenas cantidades de alimento, varias veces ao día. Isto supón que, na casa, o gato debe ter sempre penso á súa disposición, e conviría colocar varios comedeiros en distintos puntos. En caso de que haxa outras mascotas, como cans, os comedeiros e bebedoiros deberán colocarse en lugares aos que o can non poida acceder.

gatos-comiendo

Cando hai máis dun gato, debemos proporcionar tantos recursos como animais haxa na casa para evitar conflitos

En canto á inxestión de auga, o gato salvaxe inxire a maior parte da auga das súas presas, o que unido ao feito de habitar zonas áridas, fai que o gato sexa un “mal bebedor”. Por iso, é importante proporcionar varios puntos de auga, colocando diversos bebedoiros no domicilio. Ademais, hai que ter en conta que os gatos valoran máis a calidade que a cantidade, polo que se deberá renovar a auga dos bebedoiros ao menos unha vez ao día, para que sempre estea fresca e limpa. Para aumentar o consumo de auga, pode abrirse a billa da cocina ou baño e deixar que o gato beba do chorro. A algúns gatos lles encanta beber de fontes de auga móbiles.

Se os gatos non inxiren a cantidade de auga necesaria, poden sufrir problemas renais, como cristais e cistite idiopática felina. Para evitar isto, deberemos colocar varios bebedoiros na casa, e proporcionar fontes alternativas de auga, como o chorro da billa.

 

 Os lugares de descanso son moi apreciados polos gatos. Como ocorre coas zonas seguras, soe ser o gato quen escolle a súa zona de descanso (de feito, moitas veces a zona segura e a de descanso son a mesma). Estes lugares son zonas tranquilas, a miudo elevadas ou escuras.

A bandexa de eliminación, onde o animal fai as súas necesidades, deberá situarse o máis lonxe posible dos comedeiros e bebedoiros, e nun lugar tranquilo, onde o gato non sexa molestado cando deba utilizala. Así mesmo, é aconsellable que cumpra algúns requisitos (bordes baixos, suficientemente grande para que o animal se dea a volta, fácil acceso) para facilitar o seu uso por parte do  animal. Si existen varios gatos, deberán colocarse o mesmo número de bandexas que de gatos, máis una; desta forma, hai bandexas suficientes para todos. Polo xeral, os gatos prefiren area aglomerante e non perfumada. Tamén é importante manter limpas as bandexas. Recoméndase cambiar por completo a area unha vez por semana, e limpar os restos de ouriños e feces a diario. Moitas veces, os problemas de eliminación que presenta o gato débense a unha aversión á bandexa ou ao substrato, ou ao lugar onde está situada.

bandeja-higiénica-para-gatos-casera1

A bandexa debe ser suficientemente grande, con bordes baixos e de fácil acceso; situarase nun lugar tranquilo e pouco frecuentado. Debe manterse limpa.

 

A conduta de rabuñado non só é normal, senón que é necesaria na especie felina; o rabuñado é unha forma de comunicación, xa que mediante este comportamento o gato deposita feromonas que indican a outros suxeitos que están no seu territorio. Por outro lado, mediante o rabuñado o gato mantén as súas uñas en bo estado. Isto implica que o animal buscará superficies nas que rabuñar, a miúdo superficies rugosas, como sofás, camas, cortinas… Como é lóxico, isto é visto como un problema para o propietario; por iso, o uso de rabuñadores é unha boa opción para desviar esta conduta e evitar estragos do mobiliario caseiro.

É preferible que os rabuñadores sexan verticais; deben ter boa suxeición para que non se caian nin se balanceen cando o gato os estea usando. Se se usan rabuñadores con corda, aconséllase que a dirección destas sexa transversal. No mercado existen multitude de rabuñadores, pero tamén poden usarse materiais caseiros, como alfombras e felpudos. Débense colocar na casa desde que gatiño é cachorro, para que vaia afacendo a rabuñar neles. Como nos casos anteriores, recoméndase colocar tantos rabuñadores como gatos haxa na casa.

Rascadores-para-gatos-son-necesarios rascador-gato-1 500x717xrascador_plataforma_gatera_azul.jpg.pagespeed.ic.tfSYJZH9Jj

3.- Proporcionar oportunidade de xogar

Os gatos, pese ao que se soe crer, son animais que están activos a maior parte do día; en estado salvaxe, pasa unhas 18-20 horas esperto (cazando fundamentalmente). Na casa, sen embargo, non necesita cazar, polo que a rutina normal invértese, e o gato pasará máis tempo inactivo ou durmindo. Polo tanto, é necesario entreter ao gato para que teña suficiente actividade ao longo do día. Do contrario, poden aparecer condutas que para o propietario son molestas, como que o gato se lance aos seus pés cando camiña pola casa. Nestes casos, adóitase malinterpretar o comportamento do gato, e pénsase que está atacando ao dono. En realidade, trátase dunha agresividade por xogo, na que o gato mostra secuencias de caza, como agardar, axexar e lanzarse aos pés do propietario mentres anda. Isto débese a que o gato incorpora secuencias de caza no xogo, ou dito doutra maneira, xogan a cazar (ben sexa ao propietario ou a outros gatos ou mascotas). Isto explica por que cando xogan dous ou máis gatos parece que estean pelex

Na natureza, o gato pasa a maior parte do día activo; na casa, ocorre o contrario. É importante establecer unha rutina diaria de xogo para reducir a chamada agresividade por xogo.

Para reducir tal comportamento cara o propietario, hai que ofrecer oportunidades de xogo ao animal, creando unha rutina diaria de xogo con el. Os momentos en que están máis activos son ao amencer e ao atardecer, pois son animais crepusculares. Creando esta rutina, satisfaise a necesidade de xogo e actividade do animal, reducíndose así a “caza” ao propietario ou ás visitas. Tan importante como xogar co gato é saber facelo correctamente, sen usar as mans (para evitar lesións), e utilizando pelotas, cordas…

Ademais destas formas tradicionais de xogar, tamén poden usarse xoguetes interactivos, bolas dispensadoras de comida, e o adestramento en obediencia (sempre en positivo, usando reforzos) para ensinar trucos ao gato. Desta forma, mantémolo ocupado, aprende e desenvolve as súas capacidades cognitivas.

jugetesparagato2

Os xogos interactivos estimulan mentalmente ao gato

 

 

4.- Proporcionar relacións predecibles, consistentes e positivas co propietario

Cando convivimos cun gato, é fundamental que a relación dono-animal sexa adecuada. A habituación á presenza de persoas debe comezar cando o gatiño ten entre 2 e 7 semanas (período de socialización). Debe manipularse aos gatiños a diario, por diferentes persoas, de forma suave. O obxectivo disto é reducir a probabilidade de que na súa etapa adulta mostre problemas de medo cara as persoas, e poida xestionar mellor as situacións novidosas e estresantes.

Debe ser o gato quen inicie as interaccións co propietario e, en calquera caso, se é o propietario quen decide inicialas, xamais debe forzar ao animal. Se un gato non quere interaccionar nun momento determinado, é mellor deixalo e esperar a que sexa el quen se aproxime á persoa. A manipulación é mellor tolerada na parte da cabeza e as meixelas, mentres que se debe evitar no abdome, por ser unha parte vulnerable.

Algúns signos de relax cando o gato interacciona con persoas son: rosmar, refregar a cabeza ou as meixelas no corpo da persoa, subirse ao colo, rodar sobre si mesmo quedando boca arriba, manterse preto da persoa.

Aínda que polo xeral a busca de contacto e interaccións sociais é maior cando son gatiños, o nivel de contacto que pode admitir un gato dependerá do nivel de socialización que tivera na súa etapa temperá.

 

5.- Proporcionar un contorno respectuoso co sentido do olfacto

O olfacto nos gatos é un sentido moi desenvolvido, que usan, entre outras cousas, para comunicarse. Os olores provenientes do contorno, doutros gatos e de si mesmos, son analizados constantemente e permiten identificar lugares e outros gatos e persoas como coñecidos. Isto inflúe en que o gato se sinta relaxado e libre de estres cando se encontra nun lugar ou xunto a un conxénere que coñece ben.

Hai que evitar na medida do posible usar perfumes e ambientadores con olores fortes que poderían resultar molestos para o gato. Tamén se recomenda evitar produtos con olor a cítricos por resultar desagradables. Na limpeza, non é aconsellable usar produtos que conteñan amoníaco nin lixivia, nin sequera para limpar os ouriños (xa que é contraproducente).

Cando un gato refrega a cara sobre un obxecto, deposita as chamadas feromonas faciais. Isto axúdalle a recoñecer o obxecto e o lugar, reducindo así o estres e a ansiedade.

Tamén se recomenda non lavar en profundidade os obxectos do gato nin os lugares onde marca facialmente, para no eliminar o rastro de olor. Unha opción é lavar a camiña do gato por partes, en lugar de metela na lavadora.

Algúns gatos non recoñecen aos seus conxéneres cando volven do veterinario, xa sexa por unha visita ou por ter permanecido hospitalizados. Isto pode provocar reaccións agresivas do gato que queda en casa cara o que volveu da clínica. Para evitar este problema, recoméndase facer un protocolo de reintroducción.

Aproveitando a sensibilidade olfativa do gato, poden usarse olores agradables para reducir o estres e a ansiedade. O olor a lavanda é un deles. Poden usarse ambientadores con olor a lavanda, ou mesmo a propia planta, colocándoos na estancia da casa onde máis tempo pasa o gato. As feromonas sintéticas tamén poden resultar útiles nalgúns casos para reducir o estres e a ansiedade.

Resumindo, cando vivimos cun gato é fundamental coñecer o seu comportamento e as súas necesidades etolóxicas para garantir un contorno o más adecuado a elas. Desta forma, non só poderemos previr problemas de conduta e de saúde, senón que garantiremos o benestar dos nosos felinos. Un ambiente respectuoso coas necesidades do gato nos permite ter un animal máis relaxado, equilibrado e do que poder gozar en toda a súa plenitude.

 

Fonte: AAFP and ISFM Feline Environmental Needs Guidelines. http://jfm.sagepub.com/content/15/3/219.short

Visitas:
  • 2484Total de lecturas:
  • 0Hoxe:
  • 22Visitantes por mes: