O papel fundamental dos propietarios

No tratamento dun animal que presenta condutas problemáticas, podemos diferenciar 3 compoñentes fundamentais:

  1. O animal.
  2. O propietario.
  3. O profesional.

De cada un deles se poderían definir unha serie de características que é importante ter en conta dentro do programa de modificación da conduta problemática que presenta o animal; sen embargo, neste artigo quero centrarme no propietario, xa que o seu papel dentro do programa de tratamento é absolutamente fundamental; por moi ben que se defina o temperamento e carácter do animal, por moi boa xenética que teña e por moita experiencia que teña o profesional, se non hai colaboración por parte do propietario o problema dificilmente se resolverá, por non dicir rotundamente que o tratamento fracasará.

O grao de compromiso do propietario é un dos factores principais, senón o máis importante, á hora de establecer un prognóstico cando nos formulamos tratar un animal con calquera problema de comportamento, mesmo podería dicirse que é un dos parámetros máis importantes a ter en conta á hora de valorar se convén empezar un tratamento condutual ou non. O papel do propietario é importante antes da aparición do problema (prevención), durante a súa presentación (auto-reforzo, involuntario e/ou inconsciente) e, polo seu posto, mentres se está levando a cabo a modificación de conduta. Para afinar máis o tema, falaremos da importancia do propietario no tratamento do problema.

PREVENCIÓN:

Calquera profesional da medicina do comportamento, nunca se cansará de afirmar que é mellor previr que curar. Como xa se comentou noutros artigos, antes de adquirir un animal como mascota, é recomendable que o/os futuro/s propietario/s teñan en conta unha serie de factores (ver artigo aquí ).

Pero ademais destes factores en relación ao animal que se quere adquirir, tamén sería recomendable informarse acerca do comportamento típico desa especie, xa que isto permite, por un lado, coñecer que é normal e que non o é na dita especie (pois moitas veces téndese a considerar unha conduta como  anormal, cando é de todo normal nesa especie) e, por outro, permite previr a aparición de futuros problemas de comportamento.

A este respecto, é importante que o propietario recorra a fontes de información fiables, tales como un veterinario, sobre todo os especialistas en comportamento (etólogos), o criador se se va adquirir un cachorro desta forma, adestradores e educadores profesionais.

Tamén se poden usar outras fontes como internet, libros, revistas relacionadas co tema,… pero nestes casos é moi importante saber ben a profesionalidade e o rigor das ditas fontes, xa que, especialmente en internet, hai moita información pouco fiable que, lonxe de ser útil, pode resultar un problema potencial que agrave máis aínda o manexo e o trato que se fai da mascota, ou o problema de conduta se o que se está mirando é como tratalo.

E SE XA XURDIU O PROBLEMA, ¿QUE FACER?

Se o animal xa presenta un problema de conduta, o mellor que pode facer o propietario é acudir a un profesional, un etólogo que, mediante os seus coñecementos e unha entrevista completa e detallada, realice un diagnóstico e un plan de tratamento adecuados. Se decide empezar o tratamento, como comentei máis arriba, a implicación do propietario é esencial. Neste sentido, hai varios factores a destacar, que todo propietario debería ter en conta para aumentar as probabilidades de éxito do plan de tratamento:

  •  CONSTANCIA: cando  experto en comportamento dá unhas pautas de manexo, o propietario e o resto de persoas que conviven co animal deben cumprilas SEMPRE. Moitas veces, os problemas de conduta xorden e mantéñense pola inconsistencia dos donos, é dicir, por realizar as pautas unhas veces si e outras non; isto é un grande erro, porque esa inconsistencia non so non resolve o problema, senón que o agrava, xa que se produce o que se chama un programa de reforzo intermitente, que para o adestramento é xenial, pero á hora de resolver unha conduta problemática é catastrófico, porque fai que a conduta en cuestión se afiance cada vez máis. Vexamos isto mellor cun exemplo: o can achégase á mesa pedindo comida, e dámoslle un anaquiño; á seguinte vez, volve facer o mesmo, pero non lle damos; cada vez que estamos á mesa, o can achégase e pide comida, con maior ou menor insistencia. Co tempo, isto pode resultar un comportamento molesto para os donos, pero o que aprendeu o can recibindo comida de vez en cando é que nalgún momento vaina recibir, polo tanto “merece a pena” esperar ou “ser pesado”, porque tarde ou cedo caeralle un anaquiño de comida. Así pois, o primeiro requisito no tratamento é cumprir sempre as pautas tal e como o profesional as indica, e realizalas sempre, en cada caso e situación, non de cando en vez.
  • PACIENCIA: cando a mascota comeza a realizar unha conduta que resulta molesta, preténdese que se resolva deseguida, o que non sempre é posible; de feito, poucas veces é posible resolver un problema de conduta “no momento”; máis aínda cando o animal leva tempo manifestando o comportamento en cuestión, e xa o instaurou ao seu repertorio condutual habitual. Polo tanto, o propietario debe mentalizarse de que se require un tempo ata que o problema comeza a mellorar e termina por resolverse ou atenuarse.
  • POSITIVISMO: isto pode resultar algo estraño, pero é moi importante que o dono do animal non se desanime se non observa resultados a curto prazo; está relacionado co punto anterior, e ademais ao longo do tratamento pode haber fases nas que o problema empeore ou se produzan “recaídas”; é fundamental ter isto en conta e non desalentarse, porque en ocasións é parte do proceso, e noutras ocorre porque se fallou nalgún punto, pero sempre pode volverse atrás e corrixir eses fallos.
  • TEMPO: segundo o problema que presente o can ou gato, e a intensidade do mesmo, o tratamento requirirá máis ou menos tempo por parte do propietario. Debe considerarse isto xa que, en combinación coa constancia, o dono do animal deberá traballar cada día con este para que o tratamento sexa máis rápido e efectivo; por outro lado, o manexo correcto do animal será de por vida, o que implica que, unha vez resolto o problema, non deben volverse repetir os mesmos erros do pasado, senón que deberá manexarse ao animal correctamente para evitar que o problema reapareza, ou que aparezan outros distintos derivados dun manexo inadecuado.
  • ESFORZO: como todo na vida, o esforzo e o interese que poña o propietario e aquelas persoas que conviven co animal serán aspectos decisivos no éxito ou o fracaso do tratamento. Se desde un principio non se pretende dedicar tempo e traballo ao animal, quizais non mereza a pena empezar o tratamento, xa que non se obterán os resultados esperados, o que creará máis frustración e malestar no dono e, por extensión, no animal.
Visitas:
  • 2484Total de lecturas:
  • 0Hoxe:
  • 22Visitantes por mes: