Dominancia, ¿realidade ou ficción? Parte I

Desde hai varias décadas vense falando moito sobre a dominancia no can. Frases como: “tes un can dominante”, “debes impoñerte ao can”, “non lle permitas facer iso porque trata de dominarche”,… levamos escoitándoas moito tempo. Pero, ¿que hai de verdade en todo isto?

A teoría da dominancia e as técnicas baseadas nela, como o alfa-rolling por exemplo, foron usadas no adestramento e a modificación de conduta desde hai moitos anos; sen embargo, novos estudos puxeron de manifesto que a dominancia, tal e como se entendeu ata hoxe en día, non é de todo correcto. Ademais, así como antes “todo” parecía explicarse a través da dominancia/submisión, as novas tendencias parecen encamiñarse a negar a existencia da dominancia nos nosos cans. Tanto unha postura como a outra son incorrectas, pois a dominancia realmente existe, pero abusouse dela e utilizouse como ferramenta fácil e rápida para explicar determinadas condutas do can e para “poñerlles solución”.

Neste artigo pretendo abordar o tema da dominancia/submisión, tendo en conta os novos estudos e traballos realizados ao respecto para, polo menos, intentar aclarar un pouco estes conceptos xa que, ao fin e ao cabo, trátase diso, dunha falta de entendemento correcto do concepto “dominancia”.

¿Que é a dominancia?

O termo “dominancia” non sempre éfácil de entender, e de aí que se leve cometendo tanto tempo unha serie de erros que prexudicaron ao noso compañeiro e mellor amigo, o can, facendo que nos, como propietarios e profesionais do comportamento, levemos a cabo un manexo inadecuado da nosa mascota, e se desenvolveron métodos de adestramento e resolución de problemas de conduta inapropiados.

 

10299153_693872767342026_7276444714734205509_n

Se imos ao dicionario da Real Academia Española, a definición de dominancia na súa primeira acepción é a seguinte: “condición de dominante”. Se buscamos o termo dominante, as definicións que se dan son estas: “1.Que domina. 2. Dicho de una persona: Que quiere avasallar a otras. 3. Dicho de una persona: Que no sufre que se le opongan o la contradigan. 4.Se dice del genio o carácter de estas personas. 5. Que sobresale, prevalece o es superior entre otras cosas de su orden y clase.”

Lendo estas acepcións, parece correcto falar de cans dominantes, aqueles que queren avasalar (impoñerse) a outros, ou que non aceptan que se lles leve a contraria; pero, ¿realmente isto é así na especie canina? E, aínda máis, ¿é así nos cans respecto aos humanos?

¿Como empeza todo?

Como parece estar claro hoxe en día, o can procede do lobo. Cando se pretende describir e/ou explicar un determinado comportamento ou estrutura social no can, úsase ao seu antecesor como modelo (o mesmo ocorre con outras especies animais, como o gato e o seu antecesor o gato silvestre (F. silvestris lybica).

Así pois, as observacións e estudos que se fixeron ao respecto observando manadas de lobos parecen indicar claramente que a dominancia existe, e que nunha manada de lobos os conflitos entre os seus membros son frecuentes. Non obstante, un estudo recente (Alpha status, dominance, and division of labor in wolf packs. Mech, L David. Canadian Journal of Zoology; Aug 1999; 77, 8; ProQuest Biological Science Collection. pg. 1196) parece indicar o contrario. Neste estudo, o seu autor, quen observou a unha manada de lobos salvaxes nas illas canadenses de Ellesmere durante 13 veráns, apenas veu interaccións agresivas entre os seus membros. Pode pensarse que este estudo ten pouca validez, xa que es 1 contra “infinitos” pero fixémonos nun aspecto fundamental: o estudo fíxose a partir de lobos salvaxes, que ata o momento non tiveran contacto ningún con humanos.

Antes de continuar, é necesario explicar a estrutura normal dunha manada de lobos (e por normal quero dicir natural): a manada está formada por unha parella reprodutora (non dominante), que tradicionalmente se chamou alfa, polos cachorros da dita parella, e por un número variable de machos e femias xoves, pertencentes a camadas de anos anteriores. Ocasionalmente, pode formar parte da manada algún lobo procedente doutra manada distinta. No caso dos machos especialmente, ao alcanzar a madurez sexual (en torno aos 2-3 anos), deixan a manada e marchan en solitario, tratando de formar a súa propia. Resumindo, unha manada de lobos é en realidade unha familia, formada por individuos emparentados entre si.

 

531846_595680837148666_240284755_n

Manada de lobos

Do dito anteriormente, podemos extraer 2 aspectos que son fundamentais para tratar de entender a dominancia no can: 1) o estudo mencionado basease en lobos en estado salvaxe, e 2) unha manada natural de lobos é en realidade unha familia de conxéneres emparentados entre si.

¿Por que estas 2 ideas son tan importantes? Igualmente, por 2 motivos: 1) os estudos tradicionais de lobos nos que se baseou a teoría da dominancia fixéronse a partir de lobos en catividade ou estado semi-salvaxe. 2) Estas manadas están formadas por individuos de diferentes orixes, non emparentados entre si (o que, comparativamente co noso fiel amigo o can soe suceder: xuntamos cans da mesma ou distinta raza, que nada ten que ver entre eles “familiarmente” falando, e ademais isto sóese facer “de golpe”, sen un período previo de habituación entre eles).

Por outro lado, outro aspecto rechamante do estudo de Mech é o número de interaccións agresivas observadas durante os 13 veráns entre os membros da manada, o cal é realmente baixo, e ocorre sempre en determinados contextos, o que é importante ter en conta para poder entender ben a dominancia (retomarase isto na segunda parte do artigo).

 

10250170_755029317864563_7250968331858077262_n

Lip-licking entre dous lobos

Resumindo o explicado neste artigo, podemos concluír o seguinte:

  • O concepto de “dominancia” está descrito e pode definirse con sinxeleza, se ben non sempre é fácil entendelo ou, mellor dito, aplicalo correctamente.
  • O lobo é o antecesor do can, e os estudos nos que se basea a teoría da dominancia nesta especie fixéronse a partir de lobos en catividade ou estado semi-salvaxe.
  • De forma natural, unha manada de lobos é en realidade unha familia, formada pola parella reprodutora, os cachorros dese ano e un número variable de machos e femias xoves de camadas anteriores.
  • Recentemente publicouse un estudo no que se observou o comportamento e as interaccións entre membros dunha manada de lobos en estado salvaxe, que arroxou resultados sorprendentes e moi distintos aos observados en manadas de lobos criados e mantidos en catividade.

Nesta primeira parte do artigo asentáronse as bases para empezar a entender correctamente a dominancia. Nunha segunda, explicarase máis en profundidade a dominancia no can, aquilo que é necesario coñecer para realizar correctamente un diagnóstico de agresividade por dominancia, e as pautas básicas a seguir en caso de que se dea dita situación.

 

Bibliografía:

  • Alpha status, dominance, and division of labor in wolf packs. Mech, L David. Canadian Journal of Zoology; Aug 1999; 77, 8; ProQuest Biological Science Collection. pg. 1196
  • Dominance in domestic dogsduseful construct or bad habit? John W. S. Bradshaw, Emily J. Blackwell, Rachel A. Casey
  • Tema: Agresividad canina 2014. Máster Etología Clínica en pequeños animales. Universidad Autónoma de Barcelona.
  • http://rogerabrantes.wordpress.com/2013/03/02/dominancia-dar-sentido-a-lo-que-no-lo-tiene/
  • http://www.rae.es/recursos/diccionarios/drae
Visitas:
  • 2484Total de lecturas:
  • 0Hoxe:
  • 22Visitantes por mes: