Dominancia, ¿realidade ou ficción? Parte II

No artigo anterior din unhas primeiras pinceladas acerca da dominancia e a teoría que dela se derivou: describín o concepto, a orixe de dita teoría e expliquei brevemente a estrutura social máis habitual dunha manada de lobos.

Tras estas primeiras bases, nesta segunda parte tratarei máis directamente a dominancia n can, tratando de aclarar que esta existe, pero para diagnosticala hai que ter en conta unha serie de criterios importantes. Así mesmo, falarei das relacións de dominancia entre cans, e entre can-propietario.

Por outro lado, é necesario explicar que o comportamento dominante soe relacionarse coa agresividade; é dicir, cando se fala dun can dominante, soe ser un animal que mostra un comportamento agresivo, ben cara a outros cans, ben cara a persoas (incluído o propietario). Tanto é así, que na clasificación das agresividades caninas unha delas é a agresividade por dominancia. Así pois, neste artigo tamén falarei deste tipo de agresividade e dos erros máis comúns á hora de diagnosticar unha agresividade como dominante, descartando outras formas de agresividade (que son moito máis frecuentes, e na maioría dos casos resultan ser o diagnóstico real).

¿Existen cans dominantes? Aproximación a un diagnóstico correcto

A dominancia existe, e polo tanto, hai cans que poden considerarse dominantes. Agora ben, para realizar tal diagnóstico, deben cumprirse unha serie de características, que se nomearán a continuación:

  • En toda relación de dominancia-submisión, interveñen 2 individuos. É dicir, un animal, A, é dominante sobre B e á súa vez B é submiso respecto a A. É unha relación recíproca. O importante deste primeiro criterio é a intervención de 2 individuos. Polo tanto, non ten sentido ningún dicir que un can é dominante, sen máis. Será dominante respecto a (outro can ou unha persoa en concreto). Así pois, cando alguén “diagnostica” un can como dominante, en xeral, non é correcto, se non se define cara a quen mostra dominancia.
  • A dominancia é unha característica que se engloba dentro dun contexto determinado (acceso a recursos: comida, xoguetes, femia en celo,…). Isto é moi importante de entender, xa que o can A pode ser dominante respecto a B nun contexto (por exemplo, se hai unha femia en celo), pero noutro contexto diferente a relación xerárquica é inversa (B é dominante sobre A no acceso á comida, por exemplo). Por iso, unha característica da dominancia é que non é absoluta, senón relativa.

 

      IMG_52250434500602

      Nunha relación xerárquica sempre interveñen, polo menos, 2 individuos.

Para dicir que o can é dominante respecto a outro individuo e nun contexto determinado, ademais é necesario que “se saia coa súa” na maioría de interaccións. Por exemplo, A é dominante sobre B no acceso á comida, porque 9 de cada 10 veces que interaccionan por ela, A ten acceso primeiro ao comedeiro.Para dicir que o can é dominante respecto a outro individuo e nun contexto determinado, ademais é necesario que “se saia coa súa” na maioría de interaccións. Por exemplo, A é dominante sobre B no acceso á comida, porque 9 de cada 10 veces que interaccionan por ela, A ten acceso primeiro ao comedeiro.

    20130329_120946

    Se o can ten un recurso entre as súas patas ou na boca, perténcelle a el por dereito. Ningún individuo tee por que tratar de quitarllo, sen esperar ningunha reacción (con independencia de quen domine a quen nese contexto).

20131208_133547

Reacción ao tratar de quitarlle un xoguete que tiña entre as patas

  • Outro  factor importante é que o can debe mostrar unha postura ofensiva (ver aquí)

 

Agresividade por dominancia: ¿real ou trátase doutro tipo de agresividade?

Desde que comezou a expandirse a teoría da dominancia, moitos cans que mostran unha conduta agresiva foron clasificados como dominantes, ou dito doutra forma, díxose da súa conduta que mostran unha agresividade por dominancia, especialmente dirixida cara a persoas.

Posto que este último caso é o máis frecuente, vexámolo con máis detemento.

Dominancia cara a persoas:

Como comentaba máis arriba, ante un problema de agresividade que mostra un can cara as persoas, xeralmente cara ao seu propietario, o diagnóstico máis habitual é o de agresividade por dominancia. En poucas palabras, dise que o can trata de dominar ao seu dono.

Sen embargo, antes de aventurarse a establecer este diagnóstico como definitivo, debería terse en conta as características enumeradas máis arriba. É dicir, para que realmente a conduta dese animal sexa cualificada como agresividade por dominancia ao seu dono deben cumprirse os seguintes criterios:

  1. Que o can se mostre agresivo en determinados contextos, que sempre soen ser competitivos; é dicir, o animal mostra agresividade cara ao propietario cando este trata de aproximarse ou quitarlle un recurso valioso para el: comida, xoguete, lugar de descanso,… O animal deberá mostrarse agresivo en todos ou na grande maioría destes contextos competitivos.
  2. A postura que adopta o animal debe ser claramente ofensiva.
  3. Existe unha clara previsibilidade do que vai ocorrer; por exemplo, se o can está no sofá e achégase o dono, é evidente que vai mostrar unha conduta agresiva, e o fará sempre que se dea esta situación. Igualmente poderá manifestar agresividade se o dono se achega mentres come ou mentres está xogando cos seus xoguetes.
  4. A agresividade vai dirixida a unha persoa coñecida, xeralmente o propietario ou membros da familia.

So cando se cumpran estes 4 criterios poderase diagnosticar unha agresividade por dominancia. A realidade, sen embargo, é bastante diferente, xa que moitos casos diagnosticados como agresividade dominante non o son en realidade; con frecuencia a causa da agresividade é a frustración, derivada dun manexo inconsistente por parte do propietario. Así pois, unha elevada porcentaxe destes casos son en realidade agresividade competitiva, ben por frustración ou ben polo acceso a un recurso.

O feito de diagnosticar ben o problema é fundamental para realizar unha análise de risco e establecer un prognóstico e un tratamento adecuados. Tradicionalmente, o que se soe dicir ao dono dun can “dominante” é que debe impoñerse el ao animal, e non ao revés. E, ¿como se consigue isto? mediante técnicas que, na maioría de ocasións, ou ben non serven de nada ou ben empeoran o problema: alfa-rolling, comer antes que o can, que non saia por diante de ti na porta de casa,…   Con este tipo de manexo causase máis frustración no animal, xa que soe realizarse de forma brusca e punitiva, o que agrava máis aínda o problema (se o animal estaba frustrado, con estas pautas de “tratamento” aínda se frustra máis).

Resumindo…

Para acabar e como resume, podemos concluír que a agresividade por dominancia realmente existe, pero que dirixida ás persoas supón unha porcentaxe pequena de casos. A causa de que se diagnostique tan frecuentemente é que se abusou moito do concepto de dominancia nas últimas décadas, e que non se establecen claramente os criterios que definen a dominancia do can cara as persoas. Moitos dos cans “dominantes” son en realidade cans frustrados, que mostran unha conduta agresiva por frustración ou competencia por algún recurso.

É fundamental establecer correctamente o diagnóstico para poder aplicar un tratamento adecuado, e deste xeito aumentar as probabilidades de resolver ou mellorar o problema.

 

Visitas:
  • 2484Total de lecturas:
  • 0Hoxe:
  • 22Visitantes por mes: