¿Por que non vés cando te chamo?

Unha das cousas que máis molesta ao propietario é que o seu can non acuda á chamada cando é a hora de irse a casa e o animal está solto no parque ou na rúa. Esta molestia é moi habitual, e todos fomos testemuñas (ou a “padecemos”) algunha vez.

Pero, ¿por que o noso can non vén a nos cando o chamamos? Varias poden ser as causas polas que ao chamar á nosa mascota non nos preste atención ou, se o fai, non nos obedeza:

  • Está xogando con outros cans, seguindo un rastro, ou ben pendente de calquera outra cousa más interesante que vir co propietario.
  • Non SABE a orde da chamada, porque non lla ensinaron.
  • Coñece a orde pero ten unha mala asociación: se vou, significa que acabou o paseo.

Malas experiencias anteriores. Cando chamamos ao noso can e non acude, poñémonos nerviosos e empezamos a chamalo máis forte, a gritarlle. O animal míranos desde lonxe, agacha a cabeza ou empeza a achegarse máis lentamente. Entón o propietario ponse máis nervioso, e comeza a gritarlle máis e a ir cara o can de maneira “ameazante”. Ao final o animal non acude, ou se o fai despois dun anaco o propietario segue castigándoo verbal ou, peor aínda, fisicamente.

20130407_112825

Se o can está centrado nalgunha acción moi motivante para el, será máis difícil que acuda á chamada

Para poder resolver este problema, basta con ter claras algunhas cousas e, sobre todo, ENSINAR ao can a vir a nos, non por obrigación, senón porque el QUEIRA. E, ¿como podemos lograr isto? A continuación describirei algúns puntos e pautas que serán de utilidade para lograr que o can responda á chamada:

  1. En primeiro lugar, debemos saber que, se o animal está realizando algo que lle resulta moi interesante, será difícil que deixe de facelo para prestarnos atención. Algunhas destas situacións poden ser xogar con outros cans, seguir un rastro, que haxa unha cadeliña en celo,… É dicir, a motivación para centrarse nas ditas “tarefas” é máis forte que a motivación que o leva a vir con nos cando o chamamos. Isto debémolo ter en conta, evitando chamar ao can para evitar frustralo e frustrarnos nos mesmos. Se nos temos que ir e o animal non acude a nos porque se encontra nalgunha destas situacións, mellor acerquémonos a el, collámolo e marchemos. Non está de máis recompensar ao can cando lle atemos a correa e nos esteamos afastando.
  2. En segundo lugar, cando barramos ao can e “nos pon esa cariña” pensamos que nos está entendendo e sabe que fixo mal por no acudir á nosa chamada. Nada máis lonxe da realidade: o noso amigo so ve que estamos enfadados, berrándolle, xesticulando, polo que se sinte intimidado e por iso comeza a realizar xestos de pacificación. Non caiamos no erro de antropomorfizar ao nos can.
  3. Outro aspecto no que deberíamos pensar é se nos preocupamos algunha vez por ensinarlle a que veña a nos cando o chamamos. E, o que é máis importante, se lle reforzamos esa conduta cando nos obedeceu. A miúdo se incrimina ou se castiga ao can cando non fai caso, pero non se lle reforza cando si o fai…así, ¿como podemos esperar que nos obedeza, e que ademais lle guste facelo?
  4. Se acabas de adquirir un can, é o momento perfecto para empezar a ensinarlle a chamada. Se o teu amigo xa convive contigo desde hai tempo pero non te fai caso na rúa ou no parque, non te preocupes, sempre é bo momento para empezar a ensinalo.¿Como ensinalo a que veña, sen necesidade de berros nin castigos?

    Para practicar a chamada, mellor comezar na casa ou nun lugar tranquilo, onde non haxa distraccións que interrompan ou dificulten o exercicio. Comeza chamando ao can polo seu nome, a pouca distancia, e usando un premio como recompensa (a comida é o que mellor soe funcionar nestes casos). Repite isto varias veces, ata que o animal acuda a ti cada vez que o chamas.

    A continuación, engade unha orde despois de dicir o seu nome. Por exemplo, “Loba, ven”. É importante que a orde sexa unha palabra sinxela, e que so estea asociada a ese comportamento. Practícalo as veces necesarias ata que ao dicir “Loba, ven”, acuda á túa chamada.

    Cando can domina o exercicio na casa, é momento de practicalo na rúa. Mellor facelo nun lugar onde non haxa demasiadas distraccións, e co can atado con correa longa (a partir de 2 metros está ben). Facemos o mesmo: chamámolo incitándoo a vir co premio, e recompensámolo cando o faga. Logo o chamamos e engadimos o sinal.

20130322_095228

Cando empeces na rúa, usa unha correa de 2 metros ou máis para practicar.

Progresivamente, cando o can vaia respondendo ben á chamada, iremos aumentando a dificultade: lugar con maiores distraccións (outros cans, persoas,…), chamalo a maior distancia e, finalmente, practicar o exercicio sen correa, deixando ao can solto.

Se ao pasar dun nivel a outro o can non fai caso, non debes poñerte nervioso, significa que fuches moi rápido e a aprendizaxe aínda non se consolidou. Da un paso atrás e segue practicando onde quedaches.

Outro consello útil é chamar ao can con voz suave pero firme, o que non quere dicir impositiva. Queremos que nos obedeza por pracer, non por imposición, e os cans teñen unha grande capacidade para entender e discriminar os tons da voz. Unha chamada suave, en ton agudo e amigable, animará máis ao can a acudir á túa chamada. Para estes casos, o clicker tamén pode ser de axuda usándoo correctamente.

Durante a ensinanza do exercicio, NON castigues ao can se non te obedece. Recorda que está aprendendo e necesita tempo. Quizais vaias moi á présa e o can necesite máis tempo. Os castigos non axudarán a acelerar este proceso, senón ao contrario, serán contraproducentes.

 

20140711_121928

Tras practicar todo o proceso, paso a paso, o teu mellor amigo quererá ir contigo cando o chames. Recorda, ton suave, agudo e firme, pero non impositivo.

Por último, non esquezas recompensalo sempre que che obedeza. Ao principio, terás que reforzalo sempre. Cando xa coñeza a orde de chamada e a faga correctamente, poderás ir retirando os premios, pero sempre pouco a pouco.

Recorda, a chamada é unha das ordes máis importantes que debemos ensinar ao can. Os castigos e a impaciencia son sempre contraproducentes. Ensina ao teu can a vir a ti e, o máis importante, a que queira acudir contigo cando o chames. Practica nun lugar tranquilo, e progresivamente vai aumentando a dificultade. Non so terás un can mellor educado, senón que poderás pasar máis tempo practicando con el e, se se fai usando recompensas e premios, estaredes fortalecendo o voso vínculo.

 

Visitas:
  • 2484Total de lecturas:
  • 0Hoxe:
  • 22Visitantes por mes: