A educación temperá do cachorro

Poucas cousas hai tan gratificantes como a chegada dun novo cachorro a casa. A súa chegada sempre esperta en nos unha mestura de alegría, impaciencia e tenrura, á vez que a necesidade de telo todo preparado para cando chegue. Ademais do aspecto sanitario (vacinacións, desparasitacións,…), da alimentación e dos coidados xerais, tamén debe terse en conta a educación do cachorro desde o mesmo momento en que chega á casa.

Isto é importante porque o cachorro un día farase grande, e se queremos previr posibles problemas de comportamento, que mellor que empezar desde o principio, cando o canciño é unha esponxa que absorbe todo aquilo que vive e, por suposto, todo aquilo que lle ensinemos.
Neste artigo trataremos algúns dos puntos máis importantes e que máis preocupan ao propietario á hora de ter e educar un cachorro: ensinarlle a que elimine fóra de casa, a que non morda o sofá, a mesa, as zapatillas,… e empezar a ensinarlle algunhas ordes básicas que nos servirán para que o noso pequeno amigo nos obedeza cando sexa necesario manter o control, xa sexa na casa ou nos paseos pola rúa.

ENSINANDO AO CACHORRO A MEXAR NO LUGAR ADECUADO

O primeiro que temos que ter en conta é que os cans non teñen control absoluto dos esfínteres ata os 4-5 meses de idade; polo tanto, ata esta idade o cachorro podería eliminar na casa nalgunha ocasión, así que debemos ter PACIENCIA.
Para ir ensinalo a que non mexe na casa, teremos en conta algunhas pautas útiles:
– Sacalo á rúa unha media hora despois de levantarse de durmir, despois de comer e despois de xogar. Estas actividades xeran necesidade de eliminar, polo tanto se sacamos ao cachorro á rúa ou o levamos á súa zona de eliminación na casa, evitaremos que mexe ou defeque en calquera parte do domicilio. A anticipación e a prevención é a mellor ferramenta que temos durante as primeiras semanas.
– Cando esteamos na casa, debemos observalo e, se vemos que mostra condutas de querer mexar ou defecar (móvese dun lado para outro, parece nervioso,…), levámolo inmediatamente á súa zona de eliminación.
– Premiarémolo cada vez que faga as súas necesidades no lugar adecuado. Para isto, cando remate de eliminar no lugar correcto, dicímoslle “¡moi ben!” e podemos darlle un premio para reforzar a boa conduta.
Cando teña máis idade, deberemos deixar de reforzalo cando elimine na casa, aínda que o faga no lugar correcto, e premialo so cando elimine na rúa. Desta maneira, o cachorro aprenderá a eliminar unicamente na rúa. Aquí é moi importante establecer rutinas de saída, polo que é aconsellable, na medida do posible, que as saídas se fagan sempre ás mesmas horas cada día.

 

 

 

Fauna_Render_06

 

No caso de que o cachorro teña que quedar so, podemos facilitarlle a aprendizaxe usando a técnica de confinamento. Para iso, deixamos ao cachorro nunha habitación ou na cociña, sen permitirlle moverse por toda a casa (so cando non esteamos n domicilio para supervisalo). Reservamos unha zona para o comedeiro e o bebedoiro, e cubrimos o resto con papel de periódico, cartóns, empapadores ou calquera material que nos sexa útil. Cada semana e media aproximadamente, imos reducindo a superficie cuberta con papel, ata deixar so unha pequena zona, o máis lonxe posible do comedeiro e bebedoiro (polo xeral, os cans non defecan nin mexan no lugar onde teñen a súa comida e a súa auga), onde o canciño xa fará as súas necesidades.
É fundamental NON CASTIGAR ao cachorro cando elimine fóra da súa zona; o castigo e as técnicas como fretarlle as feces ou os ouriños no fociño non so non serven para nada, senón que podemos crear unha mala asociación e conseguiremos que o canciño nos teña medo e que aprenda a eliminar “a escondidas” para evitar o castigo.
Por último, outro consello é non limpar os ouriños con produtos que leven lixivia ou amoníaco, xa que estes fomentan que o can mexe de novo nese lugar. Os deterxentes enzimáticos ou produtos específicos como o urine-off son os adecuados para limpar os ouriños, xa que eliminan as partículas de olor.
Debemos recordar que aínda está en fase de aprendizaxe, e é normal que cometa erros e que non sempre faga as súas necesidades onde debe. Temos que ter paciencia e reforzar sempre as boas condutas, en lugar de castigar as inadecuadas.

NON ME MORDAS QUE ME FAS DANO:
Outra preocupación común de moitos propietarios de cachorros é que estes empezan a mordelos a eles ou ben ao mobiliario da casa cando lle están saíndo os dentes e cando empezan a cambialos polos definitivos. Isto é algo normal, pero non podemos permitir que o faga. Para iso, de novo usaremos a evitación en lugar do castigo.

Así pois, se o cachorro nos morde xogando e nos fai dano, poderemos berrar un “¡Ai!” e inmediatamente deixamos de xogar con el. Desta forma, aprende que xogando bruscamente acábase o xogo. Cando o faga de forma suave, recompensarémolo cun “moi ben” e continuaremos xogando.
Se o que morde son obxectos ou mobles da casa, podemos mercarlle algún xoguete ou mordedor específico para cachorros, que non supoña problemas para a súa dentadura en crecemento, de maneira que teña obxectos adecuados para morder, e non teña a necesidade de morder todo o que encontre pola casa. Así, conseguimos redirixir a conduta de morder obxectos adecuados, en lugar de permitir que morda o que el queira.
Se o pillamos mordendo algún moble, non debemos castigalo. Unha boa alternativa é chamalo para captar a súa atención, e cando nos mire incitámolo a que veña a por un xoguete para morder, á vez que lle dicimos “moi ben” para recompensalo pola súa boa decisión.

ENSINANDO OBEDIENCIA BÁSICA AO CACHORRO:

A pesar da súa curta idade, o cachorro xa pode aprender certas ordes ou sinais, que será útil que coñeza cando sexa adulto. Agora ben, á hora de ensinar obediencia a un cachorro, debemos ter en conta algunhas cousas importantes: en primeiro lugar, os cachorros teñen pouca capacidade de concentración e despístanse rapidamente, polo que as sesións deben ser moi curtas, e teremos que ter paciencia con eles mentres lles ensinamos os novos exercicios. Non debemos ser esixentes, e usaremos unicamente técnicas en positivo, é dicir, reforzando ao cachorro cada vez que faga ben o exercicio, e nunca castigándoo.
O primeiro que deberíamos ensinarlle é o seu nome e a chamada. Para iso, é suficiente con dicir o seu nome, por exemplo, “Rasti”, e automaticamente premialo. Cando xa o teña asociado, esperamos a que nos mire e premiámolo: “Rasti” – míranos – premio. Desta maneira, asociamos o son do seu nome a algo positivo (premio), así conseguimos que ao chamalo nos preste atención. Cando queiramos berrarlle por facer algo máis, deberíamos usar unha palabra distinta ao seu nome (por exemplo, “non”), e evitar sempre dicir o seu nome cando haxa que berrarlle.
Para a chamada, poñémonos moi preto del, chamámolo polo seu nome, “Rasti”, e cando acuda, premiámolo. Ao principio debemos estar moi preto del (un paso ou dous), e pouco a pouco irémonos afastando para que teña que andar ata nos. Se o que queremos é que acuda cando lle digamos un sinal en concreto, por exemplo “ven” ou “aquí”, poñémonos moi preto do cachorro, chamámolo: “ven”, e recompensámolo por acudir. Ao principio, hai que facilitarlle ao máximo as cousas, por iso empezamos colocándonos moi preto e pouco a pouco nos iremos afastando para que teña que andar cada vez máis ata nos.

 

descarga (6)

Tamén podemos ensinarlle o sentado, sobre todo aproveitando a tendencia do cachorro a sentar de forma innata. Cada vez que se senta, dicímoslle “moi ben” + o sinal (“sit, senta sentado”) + premio.
Non convén ensinarlle demasiadas ordes á vez, xa que aínda é novo e non é adecuado saturalo con moita variedade de exercicios. Conforme vaia crecendo, poderemos ir ensinándolle novos exercicios e ir esixíndolle cada vez un pouquiño máis, pero sempre traballando en positivo e evitando os castigos.

Resumindo, a chegada do cachorro á casa sempre é un grande acontecemento, e nas nosas mans está empezar a educalo desde o primeiro momento, para que de adulto sexa un can equilibrado e ben educado. As claves para ensinar ao cachorro son a PACIENCIA e o traballo en POSITIVO. Non debemos usar xamais os castigos, xa que isto fará que o canciño adquira medos e prexudicará o noso vínculo con el.

Visitas:
  • 2484Total de lecturas:
  • 0Hoxe:
  • 22Visitantes por mes: