01 Feb EFECTOS DA CASTRACIÓN NO COMPORTAMENTO
A castración é unha das pautas de tratamento para algúns problemas de conduta en cans e gatos. Igualmente, recoméndase para previr determinados problemas de saúde, coma tumores mamarios e infección de útero en femias, e hiperplasia prostática en machos. Tradicionalmente usouse para solucionar determinados problemas de comportamento, especialmente agresividade e condutas sexuais. Porén, os efectos da castración no comportamento son variables en función de factores como o problema a tratar, a especie e o sexo do animal. Neste artigo veremos as indicacións, as recomendacións e os efectos da castración en base a estes factores.
A castración nos machos
No caso dos machos, a castración está indicada para os seguintes problemas de conduta:
- Vagabundeo (“roaming” en inglés), é a conduta pola cal os machos (especialmente na especie felina) percorren o espazo (territorio) na busca de femias. Ocorre sobre todo en épocas de celo ou se hai unha femia en celo nos arredores. A castración mellora este problema de conduta nun 50% en caso de cans, mentres que no gato a melloría é do 80%.
- Marcaxe. A castración úsase para corrixir condutas de marcaxe con ouriños, tanto en cans como en gatos. A marcaxe coas uñas así coma a facial (presente en gatos) non ten resposta á castración. Polo xeral, a marcaxe con feces é menos frecuente que a marcaxe con ouriños. As taxas de eficacia en cans e gatos son, respectivamente, do 50 e o 80%.
- Agresividade. A castración é útil nas chamadas agresividades ofensivas e, dentro destas, indícase na INTRASEXUAL é dicir na agresividade dirixida cara a outros machos. A taxa de eficacia é a mesma que nos casos anteriores para o can e o gato. Os efectos da castración son nulos no caso de agresividade depredadora e territorial e, aínda que non está contraindicado como tal, tampouco se recomenda xa que non ten efectos e, polo tanto, non é parte da solución do problema. En canto á agresividade intrasexual, aínda que a castración pode resolver ou mellorar o problema, deben terse en conta outros factores coma a aprendizaxe, que está relacionada co tempo que o animal leva mostrando a conduta. Así, canto máis tempo a leve realizando e, polo tanto, canto maior é a aprendizaxe menos probabilidades hai de que a castración solucione o problema. Esta é a razón pola cal moitos propietarios observan que, tras castrar á súa mascota, continúa mostrando agresividade cara a outros machos.
- Monta. A conduta de monta é moito máis frecuente en machos que en femias. A castración pode reducir este comportamento nun 80% en gatos e nun 50% en cans. A moitos propietarios que a súa mascota monte a outros conxéneres resúltalles molesto e desexan evitar esta conduta. Tamén hai que ter en conta que a conduta de monta pode ser un indicativo de dominancia cara a outros cans/gatos, e mesmo un sinal de estrés e frustración. Así mesmo, pode ser debido a unha socialización deficiente do animal cando era cachorro.
Por outro lado a castración tamén se utiliza para eliminar ou reducir determinados comportamentos de orixe sexual. Polo xeral, nos machos o efecto da castración depende de factores como a idade e a experiencia sexual no momento no que se castran. Así, a maior idade e sobre todo a maior experiencia, menor é o efecto da castración sobre a conduta sexual. De novo, existen diferencias entre especies, sendo o gato o que máis efectos experimenta sobre a conduta sexual cando é castrado.
Tamén hai que ter en conta que, nos casos nos que a castración reduce unha conduta, o tempo en facelo varía podendo chegar a varias semanas.
A castración nas femias
En canto ás femias a castración non ten ningún efecto en caso de conduta de roaming nin de monta. Para as outras dúas condutas os efectos varían segundo a especie:
- Agresividade intrasexual. É a que se dirixe cara a outras femias da mesma especie. No caso da cadela, a esterilización só está indicada se mostran agresividade cara a outras femias cando están en celo. Se a agresividade non está relacionada co celo, a esterilización está totalmente contraindicada. Por iso, en cadelas é moi importante que o etólogo e o veterinario se aseguren de que só mostra agresividade cando está en celo. Isto non significa que a esterilización en femias xere agresividade, senón que, nos casos en que a cadela era agresiva cara a outras femias antes de ser esterilizada, e esta agresividade non se relaciona co celo, o feito de esterilizada pode incrementar a agresividade que xa amosaba a cadela.
No caso da gata, aínda que non se sabe con certeza, en principio si se recomenda a esterilización se mostran agresividade cara a outras femias da súa especie, estea relacionada ou non co celo.
Por tanto, os efectos da castración sobre a agresividade intrasexual en femias varía segundo a especie.
- Marcaxe. A esterilización reduce moitísimo a conduta de marcaxe con ouriños nas gatas, cando esta se relaciona co celo. Se non está relacionada co celo, a esterilización non ten ningún efecto.
Respecto á conduta sexual, a esterilización en femias (tanto en cadelas como en gatas), elimina por completo e de xeito inmediato a conduta sexual.
En resumo
Resumindo, podemos ver que a castración é útil para reducir determinadas condutas, tanto de orixe sexual como non, pero os seus efectos varían segundo a especie, o sexo e a aprendizaxe que teña o animal ata o momento da castración. Neste último caso, deberá levarse a cabo modificación de conduta para lograr unha maior melloría do problema. Na seguinte táboa, resúmense os efectos que a castración/esterilización ten en función do sexo e a especie:
Vagabundeo: Redución do 50%. Sen efecto. Redución do 80%. Sen efecto
Marcaxe con ouriños: Pouco efecto e sempre que estea relacionado co celo. Redución importante se está asociado ao celo.
Agresividade intrasexual: Pode ser útil UNICAMENTE se está relacionada co celo se non, contraindicada. Indicada tanto se a agresividade intrasexual está relacionada co celo como se non.
Monta: Conduta sexual: Redución variable en función da experiencia do macho. Efectos non inmediatos. Desaparición completa e inmediata da conduta sexual. Redución variable en función da experiencia do macho, polo xeral o efecto é maior que en cans. Efectos non inmediatos. Desaparición completa e inmediata da conduta sexual.

Tabla 1 Efectos da castración/esterilización sobre determinados comportamentos en machos e femias, segundo especies