22 Out ESTRÉS EN GATOS: O SEU GRANDE INIMIGO
Como moitos sabedes, os gatos son animais especialmente sensibles ao estrés. Antes de meternos de cheo neste tema é necesario aclarar algo moi importante: o estrés en si non é malo, senón que é unha resposta do organismo para facer fronte a unha situación nova para o animal, polo tanto a determinados niveis resulta beneficioso e absolutamente necesario para a súa supervivencia. O estrés en gatos, non obstante, pode ter consecuencias moi negativas cando é moi intenso.
O problema xurde cando o nivel de estrés é excesivamente alto ou ben se mantén durante moito tempo. Nestes casos o organismo sufre unha serie de cambios que levan a unha especie de esgotamento xeral do organismo, e isto é o que fai que o animal enferme e mesmo poida chegar a morrer.
Porén, antes de chegar a este punto, o estrés pode ser responsable de numerosos cambios do comportamento: agresividade, condutas repetitivas, falta de apetito, medos, etc.
Como comentabamos antes os gatos son especialmente sensibles ao estrés xa que calquera mínimo cambio no seu contorno pode producir niveis elevados de estrés que teñan consecuencias negativas tanto na saúde como no comportamento do noso felino. Dende un cambio de dieta á chegada dunha nova persoa ou mascota ao fogar. Por iso é importante previlo, na medida na que sexa posible, e para iso dámosvos algunhas claves para conseguilo:
- Garantir unha boa socialización do gatiño. Especialmente cando teñen entre 2 e 9 semanas debemos habituar ao gatiño a todo tipo de estímulos (persoas, outros gatos, cans, diferentes ruídos, etc.). Iso si, hai que facelo pouco a pouco e de xeito controlado.
- Evitar cambios drásticos e repentinos no ambiente. Moitos gatos non levan ben os cambios no seu contorno, por iso debemos minimizalos na medida do posible e cando é necesario aplicar cambios (por exemplo mudanzas, novos membros na familia, etc.) deberemos habitualo pouco a pouco para que non sexan tan repentinos. Por tanto, minimizar os cambios e habituar ao noso gato axudaranos a reducir o estrés.
- Proporcionar un bo enriquecemento ambiental. Isto quere dicir que debemos proporcionar un contorno favorable ao noso gato e manter unha boa relación con el. O primeiro conséguese proporcionando aquilo que precisa: rabuñadoiros, bandexa de area, lugares onde esconderse, zonas elevadas do chan, e comedeiros e bebedeiros en número suficiente. O segundo, mediante interaccións respectuosas co felino e proporcionando cada día momentos de xogo (por exemplo lanzarlles pelotas, usar xoguetes interactivos, cordeis, etc.).
- Garantir a dispoñibilidade de recursos suficientes ao noso gato. O estrés en gatos está moi relacionado coa dispoñibilidade dos seus recursos sobre todo en fogares onde viven varios felinos. Os recursos máis importantes para o gato son a comida e a bebida (sempre dispoñibles e en cantidade adecuada), rabuñadoiros para as súas uñas, bandexas onde poidan facer as súas necesidades e lugares onde esconderse (preferiblemente en zonas altas de penumbra e onde haxa pouco ruído).
As consecuencias máis importantes do estrés en gatos, especialmente o estrés crónico, son:
- Problemas de saúde: en gatos son particularmente importantes os problemas renais como infeccións urinarias e cistite. Tamén o estrés está moi relacionado con alteracións do pelo e da pel.
- Perda do apetito, o que pode poñer en risco a vida do noso felino especialmente se o gato é obeso e deixa de comer uns poucos días.
- Trastornos da conduta: desde diferentes formas de agresividade ata trastornos compulsivos (arrancarse o pelo, automancarse, etc.), e aparición de medos e fobias.
Como acabamos de ver todas estas consecuencias son perigosas para a vida e o benestar dos nosos felinos e poderían selo tamén para nós ou para outras mascotas que conviven co gato estresado na casa, por iso como compañeiros humanos debemos asegurar unha boa calidade de vida para o noso gato e parte disto consiste en reducir tanto como poidamos o estrés.