
22 Dec ¿PODO PASEAR O MEU CACHORRO SE NON TEN TODAS AS VACUNAS?
Unha recomendación moi frecuente que dan moitos colegas veterinarios é a de non sacar a pasear o cachorro á rúa ata que non complete o seu programa de vacinas ou, polo menos, ata que teña a segunda delas. Porén, esta recomendación contradí a que damos os etólogos, os que insistimos moito en facer unha boa socialización do cachorro como forma de prevención de futuros problemas de comportamento. Pasear o cachorro sen vacinas (ou, polo menos, sen todas as vacinas) pode facerse seguindo unha serie de recomendacións e medidas de seguridade.
Os veterinarios xeralistas dan esta recomendación co obxectivo de manter a saúde do cachorro, xa que ao non ter completa a súa inmunidade é máis fácil que se contaxien e contraian enfermidades infecciosas e parasitarias.
Por outro lado, os etólogos recomendamos sacar o cachorro para que vaia habituándose aos diferentes estímulos do contorno e, desta maneira, se poidan corrixir problemas de conduta na idade adulta tales como medos, fobias, agresividade, etc.
O que ocorre é que o período de socialización do cachorro (que abrangue desde as 3 ás 12 semanas) e o plan vacinal (que remata arredor dos 2 ou 2,5 meses de idade) coinciden en grande parte. Isto implicaría illar o cachorro na casa e perder a oportunidade de que teña contacto con estímulos exteriores (persoas, cans, diferentes ambientes, sons, etc.) o cal é un grande erro xa que ese tempo será máis difícil de recuperar
Entón, ¿como conseguir unificar ambas as dúas recomendacións e sacar o cachorro á rúa para que teña unha boa socialización á vez que garantimos unha boa saúde física? A continuación, dámosche algúns consellos para conseguilo:
- Pasea o cachorro por lugares limpos e hixiénicos. A principal vía de contaxio de axentes infecciosos e parasitos son as secrecións doutros animais, sobre todo os ouriños e as feces. Por iso, debes asegurarte de que os lugares onde paseas o teu cachorro son zonas limpas onde non haxa ouriños nin feces doutros cans. Evita parques, pipi-canes e zonas onde se xunten gran cantidade de cans e non haxa unha boa hixiene. Por outro lado, debes ir atento durante o paseo e, no caso de ver ouriños ou feces, afastar o cachorro dese lugar e evitar que entre en contacto con esas secrecións. Pasear o cachorro sen rematar o seu programa vacinal por lugares pouco hixiénicos terá un alto risco de infección.
- Paséao no colo. Outra opción moi válida é pasear o cachorro no colo. Aínda que desta forma non ten contacto directo con algúns estímulos do seu contorno, permítelle ir habituándose á presenza de xente, doutros cans, de ambientes distintos e de sons (por exemplo, se o paseas no colo pola cidade irá habituándose aos ruídos dos coches, o bulicio da xente, etc.). Podes levalo no colo ata que chegues a unha zona limpa onde poder deixalo no chan. Por tanto, pasear o cachorro sen vacinas collido no colo aumenta a súa seguridade sanitaria.
- Xúntao con cans sans e equilibrados. Posto que se trata de evitar contaxios a partir doutros conxéneres, asegúrate de que os cans cos que ten contacto o teu cachorro estean sans (con todas as vacinas e desparasitacións ao día). Os cans de amigos e familiares con unha boa opción xa que é fácil saber se están en boas condicións hixiénico-sanitarias. Ante cans descoñecidos non teñas vergoña de preguntar aos seus propietarios se o seu can está vacinado e desparasitado.
- Dende o punto de vista do comportamento é moi importante que os cans cos que teña contacto o teu cachorro teñan bo carácter e non se mostren agresivos nin remisos ao contacto con el. A primeira experiencia cun estímulo novo é a que máis permanece na memoria polo que é importante que as primeiras experiencias do cachorro sexan positivas. De novo, xúntao con cans coñecidos de amigos e familiares que saibas que teñen unha boa conduta e se levan ben con outros cans; e pregunta aos descoñecidos que tal é o seu can en relación a outros da súa especie.
Como ves, é posible sacar a pasear o cachorro antes de que teña todas as súas vacinas postas. Pero é necesario levar a cabo unha serie de medidas básicas de seguridade para evitar enfermidades infecciosas e infestacións parasitarias. Se tomas as medidas hixiénicas necesarias o teu pequeno compañeiro non ten por que sufrir contaxios nin enfermidade e isto permitirache facer unha socialización adecuada e, polo tanto, previr futuros problemas de comportamento cando sexa adulto.