Licencieime en Veterinaria no ano 2011 na facultade CEU-Cardenal Herrera de Valencia. Pouco despois, empecei como voluntario na protectora municipal, onde coñecín (e posteriormente adoptei) a Loba e onde tiven a oportunidade de realizar un curso de educador e adestrador canino durante varios meses. Ao finalizalo, pensei: como podo unir as miñas 2 paixóns: os animais e a ciencia do comportamento? A resposta foi sinxela: estudando Etoloxía Clínica. Foi así como deixei o meu traballo e funme a Barcelona a estudar o Máster correspondente, para poder ter unha formación máis completa neste campo.
Un ano despois, vinme a Galicia onde, xunto con Alba, comezamos a gran aventura de Adetcan. Desde entón, seguín formándome a través de cursos, seminarios e congresos para poder aumentar os meus coñecementos e permanecer actualizado nesta ciencia que resulta tremendamente apaixonante e permítenos axudar aos cans e gatos e ás súas familias para que poidan comprenderse mellor e así facilitar a convivencia conxunta.
Estudei Veterinaria na Universidade de Santiago de Compostela, na facultade de Lugo. Durante o segundo ano alí, descubrín a etoloxía e pareceume unha especialidade moi interesante. Ao rematar a carreira, seguía pensando na posibilidade de formarme máis neste campo, pero non o fixen inmediatamente. Estiven a realizar prácticas nunha clínica e despois funme un tempo a traballar e vivir en Portugal. Foi alí, onde falando cunha compañeira etóloga, decidín dar o paso e estudar o Máster de Etoloxía, en Barcelona. Mentres estudaba o máster, aproveitei o feito de vivir nunha cidade con tantas posibilidades para aumentar a miña formación e realicei un curso moi completo de educación canina. Ao finalizar volvinme a Santiago e con Borja comezamos con moita ilusión o noso proxecto, Adetcan. Nestes anos realicei multitude de cursos e asistín a diferentes seminarios e congresos para seguir formándome e actualizándome nun traballo que me encanta.
Son unha pastora mestiza, duns 9 anos de idade. Borja adoptoume da protectora na que me atopaba e con el realicei un curso de educación canina onde aprendín unha chea de cousas novas, e empecei a relacionarme con cans de forma máis amable.
Sendo sincera, os cans non me gustaban demasiado e algunhas persoas, tampouco; pero aos poucos, Borja e logo tamén Alba axudáronme a xestionar mellor os meus encontros con eles. Ensináronme que o mundo que coñecín na protectora non se corresponde coa vida real, e axudáronme a reducir os meus niveis de tensións, a superar os meus medos e a gozar de todo o que pode ofrecernos a vida e a familia. Desde que empezamos co noso proxecto, axúdolles nalgunhas clases con outros cans, e ademais ensínolles cada día aspectos novos sobre o comportamento da miña especie.