Adetcan é o noso proxecto profesional, xurdido no ano 2015, grazas á nosa paixón pola etoloxía clínica ou medicina do comportamento. Despois de rematar os nosos estudos en veterinaria, decidimos especializarnos nesta rama co fin de axudar ás familias para comprender mellor aos seus compañeiros de catro patas e poder gozar máis con eles no día a día.
A etoloxía clínica é unha ciencia relativamente nova, recoñecida polo mundo científico nos anos 70. Consiste no estudo da prevención, o diagnóstico e o tratamento dos problemas de comportamento, e da relación entre o benestar e a saúde dos animais e a súa conduta. Actualmente, coñécese mellor polo nome de medicina do comportamento.
Os problemas de conduta son unha das principais causas de abandono de cans e gatos. Entre o 40-50% de cans e gatos mostran algunha conduta problemática ou molesta polo menos unha vez durante a súa vida (Lindsay, 2000). Isto demostra o importante que é coñecer as bases do comportamento dos nosos mellores amigos e a importancia da medicina do comportamento hoxe en día. Desde Adetcan tratamos de poñer o noso gran de area para que estas porcentaxes sexan cada vez menores.
Os nosos cans e gatos téñense que adaptar ao noso estilo de vida, o que supón en moitos casos un gran esforzo pola súa banda e unha gran carga de tensión e frustración. A cambio, parécenos xusto aprender a entendelos mellor para facilitarlles esta adaptación, xa que moitos problemas de comportamento aparecen por esa tensión á que están sometidos e polo noso descoñecemento das súas necesidades máis importantes e como cubrilas.
Por iso, a nosa filosofía de traballo baséase sempre no respecto cara aos animais e en axudar á súa familia humana a comprendelos mellor e así conseguir un vínculo estable e duradeiro.