
22 Out PROBLEMAS MÉDICOS VS PROBLEMAS DE COMPORTAMENTO
En artigos anteriores comentamos que para diagnosticar problemas de comportamento como tales en moitos casos antes hai que descartar unha posible causa médica. Isto é fundamental xa que, en ocasións, o comportamento inadecuado que presenta a nosa mascota débese a unha patoloxía médica.
Por iso, como parte do diagnóstico en problemas de conduta é necesario realizar algunhas probas médicas. As básicas son o exame físico xeral do can ou do gato e unha analítica básica (hemograma e bioquímica). Cando sexa necesario poden facerse probas adicionais, como radiografías, exame neurolóxico e traumatolóxico, probas hormonais, etc.
A continuación veremos de forma sinxela as causas e problemas médicos máis comúns que poden estar detrás dos problemas de comportamento que presente o noso compañeiro:
- Enfermidades neurolóxicas. Son as que afectan ao sistema nervioso do que depende en grande parte o comportamento do animal. Calquera alteración nerviosa provoca un cambio de comportamento que pode dar lugar a condutas problemáticas como agresividade, trastornos compulsivos, medos e fobias repentinos, etc.
Algúns exemplos destas enfermidades son: hidrocefalia, lesións en nervios, tumores intracraneais, síndrome vestibular, etc.
Nestes casos ademais do exame físico e a analítica é necesario realizar un exame neurolóxico e, en ocasións, outras probas máis complexas como TAC ou RM.
- Enfermidades da pel, especialmente as que provocan picor, como algunhas alerxias e dermatite. Tamén a infestación de parasitos externos (como pulgas e algunhas sarnas). O picor especialmente cando é crónico xera ansiedade e irritabilidade no animal o que pode facer que mostre reaccións agresivas, que manifeste condutas repetitivas (como lamber ou rascar de xeito compulsivo unha parte do corpo para tratar de alivialo). Un dos trastornos compulsivos máis frecuente en cans é a chamada dermatite acral por lambido onde o animal pode chegar a facer feridas nas patas dianteiras polo lambido constante.
As probas dermatolóxicas nestes casos serán fundamentais para diagnosticar e tratar a causa.
- Aínda que a dor non é unha enfermidade en si mesma é consecuencia de moitos procesos médicos. Tanto a dor aguda (puntual) como a crónica (duradeira no tempo) poden dar lugar a un problema de agresividade. Ademais, demostrouse mediante estudos que os cans e gatos con dor crónica teñen máis tendencia ao pesimismo, o que os predispón a sufrir medos e fobias (incluíndo a ansiedade por separación) que antes non tiñan ou ben a empeoralas se xa as amosaban.
É fundamental diagnosticar e tratar a causa da dor polo que o uso de analxésicos será moi importante.
- Enfermidade endocrinas. Son as que afectan ás hormonas, os exemplos máis comúns son o hipertiroidismo e a diabetes en gatos, e o hipotiroidismo e a Síndrome de Cushing en cans. O problema de comportamento máis importante nestes casos é unha agresividade impulsiva que pode aparecer como consecuencia dalgunha destas patoloxías ou ben agravarse en caso de que o animal xa fose agresivo.
- Déficits sensoriais. Son alteracións que afectan aos órganos dos sentidos; non necesariamente poden estar producidas por outros problemas médicos, senón que o mesmo proceso de envellecemento pode ser a causa do mesmo. Por iso a cegueira ou a xordeira deben terse en conta en cans e gatos de idade avanzada.
Os cambios e problemas de comportamento asociados a estas alteracións son moi diversos: agresividade, medos e fobias, ansiedade por separación, trastornos compulsivos, problemas de aprendizaxe (volven facer as súas necesidades na casa cando antes non o facían), etc.
Como vimos, son moitas as causas médicas que poden provocar alteracións de comportamento nos nosos cans e gatos. Ademais, se o problema de conduta se debe a un problema médico, é fundamental tratalo para conseguir unha melloría ou unha resolución completa do problema; se só tratamos o comportamento anómalo sen tratar a causa médica, o tratamento quedará sempre a medias.
Por iso, cando o etólogo propón realizar algunhas probas médicas para descartar enfermidades é importante facerlle caso neste punto xa que de diagnosticar unha patoloxía poderemos tratala e así conseguir mellores resultados no tratamento global do problema de conduta.